COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK COOKIE_INFO_PARA

“O Medio Maratón de Pontevedra pode ser un gran test para avaliar o meu verdadeiro estado de forma”

Out 20, 2018

ALEJANDRO FERNÁNDEZ RIVERA, tras un tempo cunha longa lesión, volve a recuperar, pouco a pouco, o seu estado de forma. Este ano, de feito, quedou terceiro no Campionato Galego de Medio Maratón en Ribeira.

O atleta ourensán chega ao Medio Maratón de Pontevedra coa mirada posta no Maratón de Valencia de decembro, con gañas de acabar a proba con boas sensacións e seguro que coa intención de loitar polos postos do pódium.

 

Por que se decantou este ano para correr o Medio Maratón de Pontevedra?

Atópome na metade da miña preparación cara ó maratón de Valencia e penso que correr o Medio Maratón de Pontevedra pode ser un gran test para avaliar o meu verdadeiro estado de forma en distancias longas. Correr unha carreira de 10 quilómetros está ben, pero non ten nada que ver cunha maratón. Correndo unha media si que podo sacar conclusións máis reais.

 

Nunca gañou esta carreira, este ano ven coa intención de entrar na tabla dos gañadores?

Este ano os adestramentos están máis enfocados a distancias longas como pode ser unha media. Atópome nun bo momento e penso que podo render ben, pero son consciente de que as longas distancias poden ser traizoeiras. Tamén teño que ter en conta os rivais. Na media de Pontevedra sempre participan corredores de moi bo nivel.

 

Respecto á outras medios maratóns nos que participara, que consello lle daría á organización para que o teña en conta para este año?

Eu son atleta,  non organizador de carreiras. A ignorancia é moi atrevida así que creo que non debo de dar consellos a ninguén de como organizar una carreira porque non teño experiencia nesa faceta. Estou seguro que o Medio Maratón de Pontevedra está perfectamente organizada.

 

¿A quen espera e desexa ver este ano na liña da saída para loitar pola vitoria?

A verdade é que non mirei moito a lista de saída da competición. Nas redes sociais vin que Hurtado si a vai correr. El xa gañou varias veces esta carreira, coñece o circuíto e sei que está moi motivado, xa que corre para un equipo da cidade. Tamén está moi unido a Pontevedra e moitas veces adestra na Illa das Esculturas. Para min Hurtado é o máximo favorito. Tamén seguro que outros atletas que poiden vir, incluso de fóra de Galicia,  farán que sexa una carreira de nivel.

 

O slogan deste ano é “ven facer a túa Mellor Marca Persoal ao MMP”, vostede ven con esa intención?

Estou intentando recuperar o meu nivel de anos atrás. Tiven una lesión de longa duración no tendón de Aquiles e aínda estou en proceso de ser o mesmo Álex de antes así que, sinceramente, creo que é imposible que mellore a miña marca persoal.

 

O Medio Maratón, como se celebra en outubro, é unha boa imaxe para ver como de preparado está un de cara á nova tempada. Como cre que se pode presentar este novo ano atlético?

Veño de anos moi complicados pero a verdade que esta tempada comecei moi ben. En Coruña fun capaz de baixar de 30 minutos en 10 quilómetros, unha barreira que non rompía dende o ano 2015. Penso que, con paciencia e se teño algo de sorte coas lesións, podo facelo igual de ben que antes da lesión.

 

En decembro é o Maratón de Valencia, unha das probas de ruta máis importantes no panorama nacional, sabemos que ten a intención de participar alí, que obxectivo se marca para esa carreira?

O principal obxectivo é que o maratón de Valencia sexa para min unha primeira toma de contacto ca distancia xa que son debutante. Segundo as sensacións que teña despois de rematar a carreira decidirei se volvo a preparar outra maratón mais en serio ou se volvo aos 10 quilómetros, que ata o de agora foi a distancia na que estiven máis centrado. A nivel de marcas en Valencia gustaríame baixar de 2 horas e 20 minutos, pero xa che digo que o meu obxectivo fundamental é coñecer a distancia e desfrutar da experiencia.

 

Que mensaxe lle daría a xente para que se animase a apuntarse a este evento?

O meu principal consello é que as carreiras son para desfrutar, pero unha media maratón é xa unha distancia seria. Todo corredor debería ter un mínimo de preparación para evitar sustos. Tamén dicirche que adestrando ese mínimo do que che acabo da falar practicamente todo o mundo pode correr unha media sen problema. É una distancia moi bonita na que se pode desfrutar moito xa que non é tan agónica como un 10K.

Alejandro Fernández | Foto: WangConnectionAlejandro Fernández | Foto: WangConnection