Reyes Estévez e Marta Prieto gañan o Gran Fondo Caixabank

Out 16, 2022

O tempo non acompañou nun Gran Fondo Caixabank que volveu a súa normalidade despois de dous anos da pandemia. Porén, as gañas e a ilusión encheron as rúas da cidade do Lérez.

Na categoría absoluta impúxose o atleta internacional Reyes Estévez, que mantivo un man a man con Anxo Castro en todo momento. Terceiro foi o atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Carlos Porto, que debutaba na distancia.

En categoría feminina, gañou a atleta do club madrileño AD Marathon, Marta Prieto, tamén debutante na distancia. Venceu sobre unha veterana do Gran Fondo Caixabank como é Beatriz Fernández. No terceiro lugar quedou Verónica Bugliot.

Nos 10km a vitoria foi para Roi Estévez do CA Santiago, segundo quedou Rubén Diz e terceiro Manuel Marchena. Na categoría feminina gañou Begoña Domínguez, do Ourense Atletismo. A súa compañeira de equipo Vicky Losada quedou segunda e a medalla de bronce foi para Cora Saburido.

O primeiro atleta local foi Manuel Lorenzo, atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. En féminas non se entregou este galardón por non cruzar a liña de meta no tempo establecido no regulamento.

Este ano como novidade tamén houbo dúas probas para os máis pequenos, que foron un éxito de participación, especialmente de atletas da entidade organizadora.

 

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra profeta na súa terra

Este ano tamén se celebrou o Campionato Galego de Medio Maratón, tanto en categoría individual como por equipos.

Carlos Porto quedou subcampión galego cun tempo de 01:08:10. Ademais, por equipos o combinado masculino fíxose co ouro, grazas aos puntos aportados polo propio Porto, Manuel Lorenzo (5º), Manuel Hurtado (7º) e Iago Pereira (60º).

Por categorías, Iago quedou campeón galego sub23 e Hurtado foi subcampión galego en máster M35.

 

Comproba todos os resultados do Gran Fondo Caixabank